El pase de diapositivas requiere JavaScript.

O día de onte foi marabilloso!

Deixamos algunhas fotos aquí, podedes velas todas no Album Anacos de O Grove, onde vese ben as nosas cara de felicidade.

Describir con palabras o que vivimos é algo difícil, pero non queríamos deixar de pasar esta oportunidade para poder animar a máis xente a que participe.

Xa explicamos noutro post como iniciamos a idea de Anacos de nós, e aínda que contábamos con que o resultado do proxecto ía ser moi satisfactorio, este ano aínda o foi máis.

Chegar a recoller ao grupo de Juan XXIII, que te reciban con mil abrazos, incluso Montse e Sofía, que non nos coñecían, e que todos e todas digan: Levábamos un ano esperando por vós… esa sensación non se pode describir.

E non foi porque chegáramos tarde, que para a recollida sempre somos moi puntuais, senon porque o ano anterior pasarámolo tan ben, que este ano nos esperaban con ansias. E así, da gusto levar a cabo un proxecto.

Xogamos na praia, e nos bañamos, non todo o grupo, pero case. O día non estaba moi caluroso, máis de tanto correr pola area, entraron ganas de darse un baño. Xusto a tempo, pois ao rematar, a chuvia comezaba a chegar a península de O Grove.

Non sería nin moi forte nin moi duradeira, e ata permitiunos ver as vistas dende o mirador de Siradella, onde escoitamos historias sobre o pirata Benito Soto e a Santa Compaña. Como vedes, aquí falamos do que sexa.

Desprazámonos ata o bar O Porto, en Porto Meloxo. Moi, moi recomendable: o trato estupendo, a comida riquísima. Fartámonos de comer, pois outra cousa non, pero cantidade e variedade tivemos o que quixemos.

De Meloxo fumos ata a vila de O Grove, onde aproveitamos para dar un paseo e baixar todo o comido. E como non! non puidemos evitar facer algunha que outra foto mentres íamos paseando polo paseo marítimo. Certo é que a maior parte das fotos son facendo tolerías… pero canto nos gusta e que ben o pasamos! Por rir que non sexa.

E para rematar o día, collimos un barco que nos levou pola ría de Arousa, ensináronnos as bateas e contáronnos moitos datos, quedámonos con todos eles non vaiades a pensar. Aínda que co que máis nos quedamos foi co bo sabor dos mexillóns que nos puxeron ao rematar a visita… ummmm que ricos!!! Se non había xa bastante coa comida, tivemos unha merenda fantástica.

Saímos do barco sobre as 19h e iniciamos o regreso a Pontevedra, a ritmo de bachata, cumbia e reguetton… Como xa chovera ese día, que máis nos daba que chovera algo máis? Non seremos boas cantantes… pero a risas non nos gaña ninguén!

E haberán moitas máis risas o vindeiro 17 de setembro en Anacos de Lalín. Esperamos que vos animedes a vir.